ARTIGO:

Verbas que ofenden Por rosa Gómez Limia
Coa aparición dos símbolos escritos, o home saltou da prehistoria á historia. As mulleres quedamos na prehistoria,invisibilizadas e excluídas do relato da historia da Humanidade.
O que non ten nome non existe, os signos van unidos a conceptos, constitúen unha filosofía (de vida) que actúa coma se fose o inconsciente colectivo. E o transmisor de toda ideoloxía é a linguaxe. Falamos da linguaxe machista, sexista, discriminatoria. Pero a linguaxe non é nada, a linguaxe utilízase para comunicarse e está baseada en conceptos adquiridos. Utilizamos a linguaxe de forma sexista e discriminatoria cando usamos vocabulario e conceptos que o son. Por exemplo, utilizamos vocabulario sexual constantemente sobre todo cando nos alteramos, cando queremos insultar; normalmente este vocabulario ten valores positivos ou negativos, correspondendo moitas veces os positivos cos masculinos e os negativos cos xenitais femininos. Exemplos: coñazo, cojonudo. Outro exemplo en grao sumo común; usamos de moito nabo para referirnos a algo positivo, como dicimos fillo de puta como o peor insulto. Tamén está o nin puta idea ou o adornar todo o negativo co puta por diante. Pero as prostitutas son as mulleres máis duramente explotadas e discriminadas; entón por que facer constamente apología da honra e a dobre moral da familia (hijoputa). As mulleres, todas, somos nós e os homes todos, son eles (vós). Por que non utilizar persoas, xente, humanidade, pena, termos neutros que representan á totalidade dos seres humanos.

No alfabeto a A é = á 0

Educación non-sexista e non-discriminatoria é educación inclusiva, e a súa presenza coincide coas reivindicacións levadas a cabo en todo o mundo contra o racismo,a xenofobia e a homofobia. É normal que así sexa. Porque a muller, discriminada por ser muller, vive a discriminación de xénero de formas diferenciadas a partir da súa condición de clase, de raza e etnia ou de idade.
O movemento de mulleres foi pioneiro en identificar as concepcións estereotipadas das características e roles atribuídos a mulleres e homes e aceptar a diversificación que hoxe existe. Reitor de universidade pode ser reitora, así como edil, deputado, senador poden ser edila, deputada, senadora. Comisarios, consultores, expertos poden ser mulleres ou homes. Unha nena recentemente nada, pode vestirse de branco, de verde, de amarelo ou aínda de azul e é tan desexada canto o neno por ser, como el, un novo ser humano.
Nenas e nenos han de poder xogar indistintamente con cochiños ou bonecas... sen problemas. Buscar que na casa, os homes se turnen con mulleres en todas as tarefas de reprodución da vida, da crianza dos nenos e nenas e nos quefaceres do fogar... ¡E que ambos gocen con iso!
A vinculación da muller ao antigo patrio poder masculino, primeiro do pai, despois do marido, aliada aos varios tipos de negación e invisibilidad da muller comezan a verse como estereotipos dun trazo social antigo, aínda que enla práctica cotiá non se xeneralizaron aínda.
A revisión da linguaxe foi e é unha preocupación constante entre persoas anti-discriminación. Preocupación que chegou ao ámbito das Nacións Unidas. A mesma UNESCO pronunciouse pola conveniencia de eliminar dos rexistros escritos e dos discursos orais,"Todas as formas discriminatorias da linguaxe" con relación á muller, chegando a publicar unha serie de Directrices ou para unha linguaxe non-sexista.
Con todo, a linguaxe sexista persiste e sobrevive pois é froito dunha longa práctica social pautada pola educación recibida tanto en familia, como na escola, no traballo e no lecer,e, como non?, nos medios de comunicación.
Así pois, un ano máis as mulleres e homes pola igualdade iniciamos unha campaña contra a linguaxe sexista.A tarefa de unirse á campaña, leva o aceptar o desafío de romper con sistemas de educación e prácticas ofensivas para as mulleres e iniciar unha nova conciencia; novas actitudes e formas de relación entre homes e mulleres baseadas nunha nova realidade e unha nova forma de exercer unha xustiza social realmente distributiva.
Rosa Gómez Limia
2 de febreiro 2008