ARTIGO:

CLARA CAMPOAMOR EN LOITA POLOS DEREITOS CIVIS DAS MULLERES
En xeral, a Clara Campoamor coñécese por ser quen se enfrontou a Vitoria Kent no Parlamento para conseguir o dereito ao voto para as mulleres; pero Clara Campoamor non só loitou polos dereitos políticos, senón tamén polos dereitos civís e porque estas contradicións fosen eliminadas para lograr a igualdade efectiva.
O Código Civil sinalaba á muller como menor de idade para todos os efectos, facendo distinción clara entre a muller solteira e a casada: a solteira ten unha serie de dereitos que perde no momento en que contrae matrimonio, momento no que o home pasa a ser o representante legal da súa esposa; ademais, calquera capacidade de actuar que tivese a muller solteira desaparece no momento en que contrae matrimonio. Un exemplo disto é que, segundo o artigo 63 deste Código Civil de 1889 que na década dos 30 seguía vixente, os únicos actos que a muller casada podía realizar libremente sen a autorización do seu marido eran facer testamento e coidar dos fillos que tivese con outro home; para todo o demais necesitaba a autorización marital. Outro exemplo: segundo o Código de Comercio, a muller solteira podía traballar de dependenta, pero se contraía matrimonio necesitaba un papel do seu marido que ratificase que podía seguir traballando (isto volveu ocorrer cando empezou a ditadura). Tamén nos atopamos cunha contradición curiosa: a muller pode facer testamento pero non pode ser testemuña na elaboración dun testamento, excepto en caso de epidemia (excepción recollida no artigo 681 do Código Civil). Con esta serie de exemplos e contradicións que teñen estas lexislacións napoleónicas, móstrase que a pesar de conseguir a igualdade política das mulleres, quedaban en existencia numerosas restricións no exercicio dos dereitos civís.
Clara Campoamor no Parlamento traballou para acabar con esta situación e conseguir ademais os dereitos civís para as mulleres: - En 1932 impulsou a lei do divorcio (ata ese momento só existía a separación legal, pero non o divorcio como tal) e ademais impulsa que nos litixios de divorcio o home e a muller teñan unha certa igualdade.
- Conseguiu un avance na tutela dos fillos: a patria potestade sempre era do pai, pero Clara Campoamor consegue que a tutela dos fillos por parte da nai elévese dos 2 aos 5 anos.
- Conseguiu que a nai que se separe poida volver casar sen perder aos seus fillos, xa que ata entón unha muller divorciada perdía a patria potestade dos seus fillos ao contraer un segundo matrimonio.
- Conseguiu que a española que case cun estranxeiro non teña que seguir a nacionalidade do seu marido senón que poida optar entre a súa propia ou a do seu marido (segundo o Código Civil anterior a muller sempre seguía ao seu marido)
- Logrou nun primeiro momento que nas cerimonias civís deixásese de ler o artigo 57 do Código Civil, no que se afirmaba que a muller debe obedecer ao marido e o marido protexer á súa esposa (Clara Campoamor nunca casou pero isto parecíalle indignante), e a súa posterior supresión.
- Conseguiu a supresión do delito de adulterio, que xogaba claramente coa dobre moral porque no Código Penal de 1870 condenábase sempre á muller (era encarcerada), pero raramente ao marido porque o home só era condenado se metía manceba na casa ou era notorio o escándalo público - Outro avance moi importante foi a introdución da investigación de paternidade, algo non contemplado no Código Civil que, ademais, facía unha clasificación de fillos non naturais (o marido infiel que tiña fillos fose do matrimonio non tiña que facerse cargo de ningún); e xunto coa investigación de paternidade conseguiu a protección do neno e da maternidade (aumentou o permiso de maternidade e as horas en que as obreiras podían saír das fábricas para aleitar aos fillos)
Todos estes logros nos que interviu Clara Campoamor derogáronse posteriormente e retornouse á situación anterior. Unha vez que terminou a guerra civil e o bando sublevado subiu ao poder, todas as codificación que empregou a ditadura de Franco recuperaron este espírito napoleónico claramente. Así, por exemplo, a muller solteira saía da tutela do pai para pasar directamente á tutela do marido, e volveu entrar en vigor o artigo 57 que facía referencia á obediencia ao esposo.



Rosa Gómez Limia
8/6/08