| Manifesto da Asociación Teenses pola Igualdade, no Día contra a Violencia de Xénero
Teo, 21 de novembro de 2008
|
C O R R E S P O N S A B I L I D A DE
Corresponsabilidade é o compromiso que se ten de compartir a obriga do outro.
A violencia de xénero é un problema universal que nos afecta a todos: ninguén pode desentenderse dun certo grao de responsabilidade cando un ser humano é violento con outro.
En todo caso de violencia de xénero hai unha vida rota, unha historia que reflicte a dor dunha muller, duns nenos, dunha familia...
Cando se recorre á violencia demóstrase o fracaso do noso modelo social. Por iso, a violencia de xénero é un problema universal no que todos temos corresponsabilidade.
As arrepiantes cifras anuais de mulleres asasinadas deben estar, necesariamente, pesando sobre a nosa conciencia e sobre a nosa tranquilidade moral.
Quedar de brazos cruzados supón unha frialdade infinita, un corazón de pedra e moita covardía; a covardía de quen diante dunha maldade tan grande mira cara a outro lado, ignorando o sufrimento de tantas e tantas mulleres.
Mirarlle á cara á violencia de xénero supón non baixar os ollos ante a mirada das vítimas. E iso hai que facelo ¡Xa!. Mentres haxa violencia, haberá vítimas, e iso significará que estamos fracasando nesta loita urxente.
No marco da celebración do Día Internacional contra a Violencia de Xénero, as mulleres e homes, os homes e mulleres, da Asociación Teenses pola Igualdade manifestamos ante todas as persoas presentes e ausentes, ante todas as organizacións sociais e políticas, autoridades teenses e autonómicas, e ante a comunidade internacional, que nos declaramos e sentimos corresponsables do cruel comportamento que un sector da nosa sociedade non para de ter coas mulleres.
Por todo iso,
M A N I F E S T A M O S:
-Que cada vítima da violencia non só é unha perda irreparable: é unha vergoña imperdoable que recae sobre a conciencia do conxunto da sociedade e dos poderes públicos.
-Que a violencia machista contra as mulleres procede dunha maneira de ver as cousas desigual e inxusta que considera a poboación feminina como “seres inferiores”.
-Que descualificamos e non recoñecemos como persoa digna a toda aquela que, abusando do poder ou da forza, maltrata ou lle pega a outra. As labazadas son un acto de covardía e indignidade que repugnan e tan só merecen castigo e desprezo social.
-Consideramos e denunciamos tamén como violencia de xénero, as violacións e o acoso sexual e laboral, a trata de mulleres, especialmente de nenas cara á prostitución, o sexismo publicitario, a feminización da pobreza, a mutilación xenital das nenas, a marxinación política e a cruel invisibilidade á que diariamente se someten as achegas que as mulleres fan a todos os ámbitos da vida, a ciencia e o saber.
-Reiteramos como principal obxectivo da nosa Asociación acabar con todo xesto de violencia humana, traballando para conseguir da cidadanía a máxima corresponsabilidade, o que significa unha implicación real e activa no rexeitamento dos malos tratos sociais, a humillación ou a vexación.
-Ante os violentos reclamamos a presenza doutros homes –como o profesor Neira, que arriscou a súa vida e leva dous meses na UCI por defender unha muller dunha brutal agresión-; homes dispostos a non admitir ningún tipo de complicidade ou silencio, decididos en todo momento a aplicar tolerancia cero ante calquera forma de agresión ás mulleres.
-Reivindicamos, en fin, unha sociedade cada día máis consciente de que a violencia non nace da nada, ten a súa orixe e xorde de pequenos actos cotiáns herdados e impostos pola forza do costume e que construíron un manto escuro de complicidade social pasiva.
Por todo iso:
¡Stop á violencia machista, nin unha morte máis!
¡Nin unha bágoa máis!
¡Nin unha muller maltratada máis! ¡Nin unha máis!
|
R.G.L Teenses Pola Igualdade |
22/11/08 |
|