ARTIGO:

REPORTAXE SEXISMO NA NOITE: ¿culpables ou cómplices? CELIA PARRA Gañadora do Primeiro Premio do Concurso María Mariño
REPORTAXE
SEXISMO NA NOITE: ¿culpables ou cómplices?


CELIA PARRA
Santiago

Abanderados dunha cultura supostamente progre e desenvolvida, todos somos cómplices inconscientes da perpetuación de actitudes sexistas en cada vez máis ámbitos da nosa sociedade. A discriminación da muller, a linguaxe e publicidade sexistas ou a violencia de xénero son exemplos do que é un dos maiores males da nosa cultura.
Vivimos nunha sociedade androcéntrica na que “o home é a medida de todas as cousas”, no sentido máis literal da expresión. Temos tan enraizados os roles do patriarcado que semella imposible chegar a acadar de xeito efectivo a tan preconizada igualdade de xénero. Pese ós grandes avances que se teñen producido na situación da muller, certos prexuízos aínda perviven de maneira inconfesa no noso imaxinario colectivo. Mais, ¿existe realmente a posibilidade de soterrar eses roles?
Exemplos illados revelan que aínda queda unha fiestra aberta á esperanza, que non todo o mundo está disposto a aceptar tales prexuízos. Colectivos coma Homes Galegos pola Igualdade nacen co obxectivo de “favorecer e loitar pola igualdade real e efectiva entre todas as persoas, homes e mulleres”. A súa existenza amosa que as reivindicacións polas cuestións de xénero non son tarefa exclusiva das mulleres, senón que tamén os homes son conscientes das situacións de desigualdade que vivimos. Jorge García Marín, membro desta organización e profesor de Socioloxía dos Roles de Xénero na USC, admite que “un cambio estrutural a curto prazo é moi difícil, polo que nós confiamos máis nos cambios a nivel micro”. Así, difunden os seus valores por medio do seu exemplo: a través de charlas e encontros especialmente destinados ó público infantil e adolescente, pretenden unha “sensibilización das novas xeracións”. Incluso estableceron o Premio ó Home Galego pola Igualdade. García Marín explica que este tipo de iniciativas xa están consolidadas noutras comunidades, coma Cataluña, Andalucía e León, as máis pioneiras neste eido.
Por iso sorprende que precisamente en Granada tivera lugar un dos acontecementos de actualidade con máis repercusión mediática debido á súa enorme carga sexista. A discoteca de menores Granada 10 organizaba o pasado mes unha festa temática onde se ofrecía unha “subasta de solteiras”, publicitándoo baixo o lema “Se estás solteira, subástate. Se estás solteiro, poxa”. Tras pagar unha entrada de 8€, común para ambos sexos, ós rapaces entregábaselles billetes de Monopoly para participaren na subasta. As rapazas, pois, eran presentadas e desfilaban polo escenario, de maneira que o mozo que máis billetes ofrecese obtería o premio de quedar coa rapaza elixida. Unha vez “emparellados” a discoteca invitábaos a unha consumición nun palco VIP para que puideran coñecerse mellor.
A controversia do feito, que a ministra de Igualdade Bibiana Aído calificou de “lamentable, intolerable e impropio dunha sociedade civilizada”, fixo prender a mecha dun acendido debate público a raíz do acontecemento en si e da publicidade que empregou. Mais, ¿por que este reclamo sexista, como é posible que a sociedade o acepte? Ó respecto, García Marín afirma que “a publicidade é o espello da sociedade. Por tanto se existe publicidade sexista, e se funciona, é porque a sociedade é sexista”.
En realidade, este novo caso non é máis ca outro exemplo das burdas estratexias publicitarias que empregan os locais para atraer clientela, e veu desenterrar actitudes ás que ata agora se lles confería pouca atención. ¿Cal é a visión da muller nas noites de marcha? ¿E que pensan os mozos e mozas como partícipes máis directamente implicados no tema?
Afondando na cuestión, o tratamento da muller no ocio nocturno revela a asimilación dun rol profundamente machista: o da muller-obxecto, a muller-cebo. É práctica habitual en moitos bares ofrecer entrada gratis ó público feminino, descontos ou copas de balde. A opinión xeral das rapazas ó respecto é que son tratadas coma “carnaza”, coma “cebo” para que entren os homes. Tania Garaboa, unha das entrevistadas, resume o proceso en catro pasos: “As rapazas van á discoteca. Os rapaces van onde saben que hai rapazas. Os rapaces consumen, ás veces o doble que as rapazas. E todo isto convírtese nunha ganancia para a discoteca, tanto en venta de entradas coma de alcol.”
Precisamente esta opinión é a que pretenden reflictir Andrea Porto e Iria López nunha performance reivindicativa que terá lugar este mes en Compostela. Baixo o título “O home e a fera”, a súa intención é denunciar “o machismo presente no ocio nocturno”: no tema das entradas, as copas gratis, as gogós, mesmo a música. Remedarán unha documental na que se relata “a busca de compañeira sexual do macho ibérico, parodiando todo isto de ‘saír a cazar’”. “Haberá rapazas subidas a unha tarima, explica Andrea, con xamóns de cartón colgados das pernas, para simbolizar que as mulleres son en realidade carnaza”. Estas performances forman parte dunha iniciativa posta en marcha por Jorge Marín catro ou cinco anos atrás. O seu obxectivo é chamar a atención da xente para que reflexione, e que esta reflexión leve, no mellor dos casos, a un cambio de actitudes.
Volvendo ó tema das entradas, as motivacións das discotecas son diversas. Mentres que a maioría non saben explicar o porqué, o propietario dun dos pubs máis coñecidos de Ourense, o Vai-Vén, explica que cobra entrada ós rapaces por seren “os máis conflitivos e os que máis problemas causan no local”. Pola contra, afirma que “se realmente crese que as rapazas son carnaza para que entren os mozos, estamparíalles na fronte un selo coma o das vacas e poríaas a bailar enriba da barra”. Cousa que ás veces estas xa fan voluntariamente.
Á parte queda a cuestión das gogós. Tema tamén controvertido, fai patente a imaxe da muller como obxecto de deseo sexual para deleite do público masculino. Esta visión entronca co papel das azafatas que presentan un produto para a súa venda (sexan coches, motos…) mulleres todas dun físico exuberante e a cotío lixeiras de roupa: é o que se coñece como muller-floreiro. En xeral todo o que se vende a un público masculino faise a través dunha muller cun físico artificial imposto, “e a partir de ahí somos as mulleres quen inconscientemente perpetuamos ese ideal porque somos nós as que queremos conseguir ese corpo e esas tetas das mulleres anuncio”, di Iria. Como afirma Tania, “todas as chicas queren ser Barbies. E así veñen despois as enfermidades, a anorexia e a bulimia”. André Gago, outro dos entrevistados, explica isto dicindo que a culpa recae en “estereotipos sociais que só se poden cambiar co tempo, pero como a sociedade non está moi pola labor…”
Ahí é onde entra en xogo o papel da educación, un dos principais axentes socializadores. Tanto Jorge Marín coma Andrea Porto coinciden na necesidade dun cambio no modelo educativo, que introduza unha “conciencia feminista que ofreza novas identidades e valores”, ó mesmo tempo que se inclúe no currículo “o papel da muller na historia, moitas veces oculto e que se leva evitando toda a vida”. Actividades coma charlas, películas, lecturas ou exposicións servirían para complementar a formación dos nenos nun período clave para a formación do espírito crítico.


Celia Parra
21/12/09