| O FEMINISMO NON É ISO Por Beatriz Gimeno |
O feminismo non é iso
Vaia a que se está armando con isto de que se Sarah Palin encarna un novo tipo de feminismo, e con iso de que algunhas mulleres feministas tradicionalmente demócratas van votala só porque é muller. Eu non a votaría, aínda que me alegro de que grazas ao feminismo estea aí. O feminismo non é só (aínda que tamén) que as mulleres poidan chegar a postos de poder. O feminismo é unha teoría crítica da sociedade e, como tal, non basta con ser muller para encarnala. Atopámonos co aparente paradoxo, moi frecuente, de que mulleres que ocupan eses postos grazas ao feminismo poden utilizar a súa posición para recortar os dereitos das mulleres. En realidade, non é un paradoxo senón a grandeza de calquera teoría de liberación, que libera a todas e a todos, incluída Sarah Palin.
Tamén gais e lesbianas loitamos polos nosos dereitos para que os gocen aqueles gais e lesbianas que votan ao Partido Popular, que pretende restrinxilos; os dereitos son para que os gocen todos e non só quen loitamos por conseguilos. Non estou de acordo con ese feminismo que sostén que as mulleres teñen que ser mellores eticamente que os homes e exercer a política de diferente xeito. Haberaas que si e haberaas que non. Tamén hai homes que soñan con facer unha política diferente. É "o dereito ao mal" que tan ben definiu Amelia Valcárcel. Non temos que ser mellores nin máis listas para ocupar postos de poder, bastaranos con ser iguais: iguais aos mellores e aos peores.
Se tivese que elixir entre McCain e Sarah Palin preferiría a esta última porque, polo menos, visibiliza e demostra que as mulleres poden ser vicepresidentas de EE.UU. Se tivese que elixir (líbreme o ceo) entre Esperanza Aguirre e Gallardón preferiría a Aguirre pola mesma razón. Entre Aguirre e un home de esquerdas, entre Palin e Obama, prefiro a Obama porque as vantaxes de que Palin fose vicepresidenta son menos que os inconvenientes, entre os cales non é o menor que dedicase ese poder para restrinxir dereitos fundamentais para as mulleres, como o aborto, por exemplo. E porque, en teoría, un home pode ser prol feminista e traballar nese sentido.
Dito todo isto á esquerda mundial máis lle vale porse as pilas nese sentido. É incrible que a dereita leve a dianteira en canto á promoción de mulleres aos máximos postos de poder. Merkel, Palin, Aguirre, Thatcher, Tzipi Livni en Israel? por falar só das máis próximas, todas de dereitas. A dereita é sexista, claro que si, pero estas mulleres fixeron enmudecer, momentaneamente, o machismo nas súas propias filas.
E a esquerda? Pois o certo é que Segolene Royal tivo que escoitar e ler comentarios sexistas aos que non se atreveu nin a dereita máis rancia. Agora anunciou que se retira, farta de que os seus compañeiros xulguen o seu vestiario e mándena a coidar dos seus fillos. Hillary Clinton, pola súa banda, era unha candidata mellor e máis atractiva politicamente que Obama, pero o sexismo fixo imposible a súa elección como candidata demócrata. Quédanos Zapatero e a paridade gobernamental que converteu a España nun referente nese sentido, pero o panorama mundial é desolador para a esquerda.
Beatriz Gimeno é escritora e ex presidenta da Federación Estatal de Lesbianas, Gais, Transexuais e Bisexuais (FELGTB)
|
Beatriz Gimeno |
24/9/08 |
|