POEMA DA POETA LUCENSE MARINA CILLERO
A DOR ESQUENCIDA
Tan só quería vivir
sentir os seus sentimentos
voltar seus ollos ao ceo
voar a carón do vento
pero naceu nena
nun mundo de nenos.
Quería cantar
cubrironlle a cara,
queria falar e nadie
a escoitaba,
quería voar
cortaronlle as alas,
quería ser libre
como aquela pomba
que bule no ceo.
Percorrer o mundo
que outros coñeceron,
non estar cinguida
ao seu, ¡tan pequeno!
Pero naceu nena
nun mundo de nenos.
Quería ser forte
como un castiñeiro
e subir, subir
chegar cara ao ceo.
Podaronlle as ramas,
trincaronlle o peito,
romperonlle o corpo,
coseronlle os beizos,
para que non tivese
amor nin desexos.
Porque naceu nena
nun mundo de nenos.
Quixo ser paxaro
e ser volvoreta,
e ser anduriña.
Ser unha gaivota
por mar e por terra.
E quixo ser libre
voar como elas,
vivir a súa vida,
rirse si está leda
chorar si lle peta
tentar as tristuras,
disfrutar das festas.
O que ela quería
era só, ser ela.
Pero naceu nena
nun mundo de nenos.
E quixo ser folla
en brazos do vento,
voando sen rumbo
cos seus pensamentos.
Enchendo os seus ollos
coa coor do ceo.
Ollando as estrelas
brilar por milleiros.
Loitar contra as forzas
da choiva, do vento.
Enchendo de amor
os campos, os regos.
Vertendo caricias
guindadas dos dedos,
e darllas ao mundo,
aos novos, aos vellos,
tentar que ás mulleres
lles teñan respeto.
Pero ela non puido
cumprir seu desexo
porque naceu nena
nun mundo de nenos.
M. Cillero.
 |
|